CONTOS DE MESA EN GALEGO, instipración Waldorf
CONTOS DE MESA EN GALEGO, inspiración WALDORF
O fomento do uso do galego constitúe unha responsabilidade pedagóxica, cultural e social de primeira orde. Na etapa de educación infantil a linguaxe se constrúe de maneira natural a través da imitación, da emoción e da experiencia compartida, resulta fundamental ofrecer contextos ricos, significativos e afectivos nos que a lingua galega sexa vehículo de comunicación, creatividade e vínculo.
Durante este curso, nas aulas de infantil, dinamizamos con actividades de tipo II a través dos “contos de mesa”, inspirados na pedagoxía Waldorf, un espazo privilexiado para a expresión espontánea das crianzas. As crianzas crean os seus propios contos de maneira pausada e sensorial, empregando materiais sinxelos e naturais —teas, madeira, figuras non estruturadas— que permiten representar escenas mentres a historia vai tomando forma. A criatura non é só receptora, senón tamén creadora: imaxina, verbaliza, transforma e comparte.
Este proceso creativo favorece múltiples dimensións do desenvolvemento: a linguaxe oral en galego fortalécese ao ser utilizada nun contexto significativo; a capacidade narrativa estrutúrase de maneira progresiva; e a autoestima medra ao sentirse escoitadas e valoradas. Ademais, o ritmo lento e respectuoso contribúe a crear un clima de seguridade emocional no que cada nena e neno pode expresarse ao seu propio tempo.
Así, a combinación de contacontos en diversos formatos co impulso á creación de historias propias constitúe unha estratexia pedagóxica integral para fomentar o uso do galego. Non se trata só de transmitir unha lingua, senón de vivila, sentila e facela propia desde a infancia, tecendo ao mesmo tempo unha conexión fonda coa cultura e coa identidade.
.jpeg)
.jpeg)

.jpeg)
.jpeg)

Comentarios
Publicar un comentario