GALEGO COMO LINGUA DE LECER


 GALEGO COMO LINGUA DE LECER

As actividades complementarias ofrecen unha oportunidade privilexiada para que as crianzas perciban o galego como unha lingua presente no lecer, na arte e na comunidade, reforzando así o seu valor como vehículo de identidade e relación. Durante estes meses, exemplos de actividades de tipo I: 


- Asistimos a un concerto de Pakolas proporcionándole ás crianzas unha experiencia estimulante na que música, humor e narración se combinan para achegar o galego dun xeito próximo e atractivo e o feito de compartir este momento en grupo potencia a dimensión social da lingua, asociándoa a emocións positivas e á celebración colectiva.
- A visita á Fundación Sales permitiunos achegar ás crianzas ao patrimonio natural e cultural do seu contorno, ofrecendo un contexto real no que observar, describir e nomear en galego. O contacto coa natureza, ademais, esperta a curiosidade e convidou ao diálogo e á formulación de preguntas.
- A participación en actividades para todo o centro, como o obradoiro de baile tradicional, introduce ás crianzas no mundo da cultura popular galega a través do corpo e do movemento. E finalmente a participación na sesión “Cóntoche un traxe”, conducida por Montse Rivera, achegou unha visión rica e contextualizada da tradición a través da palabra e dos elementos simbólicos do vestiario. Permitiu ás crianzas conectar coa historia e co significado cultural das pezas, ao tempo que escoitaron e empregaron o galego nun contexto cheo de sentido.



 

Comentarios

Entradas populares